A Xunta inicia a ampliación da EDAR de Viveiro, que hai nove anos anunciou que completaría no 2015

O proxecto, cun orzamento de case catro millóns, ten 18 meses de prazo de execución

Inicio das obras de ampliación da EDAR de Viveiro. AXM

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, anunciou a través dun comunicado de prensa que vén de iniciar obras de ampliación e mellora da depuradora de Viveiro, licitadas por un importe de 3,9 millóns de euros.

Esta actuación, que dispón dun prazo de execución de 18 meses, ten como obxectivo ampliar a capacidade e mellorar o grao de depuración previo ao emisario de todas as augas residuais de Viveiro, incluídas as do núcleo de Celeiro.

“Os traballos estanse a centrar estes días na roza e escavación dunha parcela anexa á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) onde se executarán parte das novas instalacións, como o reactor biolóxico. As restantes obras de mellora desenvolveranse na propia depuradora”, precisa a Xunta de Galicia.

“A medida que se executen as distintas actuacións iranse poñendo en servizo coa fin de garantir estas prestacións de saneamento aos veciños durante a execución do proxecto”, remarca o Goberno autonómico, que sinala que “a optimización permitirá tratar a totalidade das augas residuais xeradas no municipio, incorporando cunha nova conexión as procedentes da rede de Celeiro, que actualmente non van á depuradora”.

A actuación, “estratéxica para Viveiro e a súa ría, incrementará nun 50% a capacidade de depuración da planta actual e permitirá atender 23.700 habitantes equivalentes, deixando cubertas as necesidades de depuración para as próximas dúas décadas“, remarca o Executivo galego, que espera “que se obteña unha mellora significativa da calidade da auga da ría, que se traducirá no resultado das analíticas sanitarias que presentan praias como a de Celeiro“.

A ampliación da EDAR é unha das dúas comprometidas para a mellora do saneamento, xunto coa substitución do emisario roto que verte augas sen depurar ao estuario, actuación que incluirá un novo tanque de tormentas e mellora da capacidade de bombeo de Celeiro.

EN 2016 REDUCIU EN DOUS MILLÓNS O ORZAMENTO PREVISTO

O inicio da ampliación da EDAR chega dez anos despois de que no 2010 a Unión Europea esixise o saneamento da ría de Viveiro. A Xunta anunciou no 2011 que os traballos, cun investimento de cinco millóns de euros, estarían executados no 2015. No 2016, a cambio de reducir o orzamento en dous millóns, comprometeu celeridade nas obras e rematalas ese mesmo ano.

Ao longo dos últimos anos, tanto o Concello de Viveiro como o BNG ou a Plataforma Pro Celeiro -constituída ante os problemas de saneamento da localidade-, urxiron á Xunta de Galicia a acometer as obras, alertando da posible perda de fondos europeos; o prazo para certificar o gasto é o 31 de decembro de 2023, pero para facelo é necesario un ano de cumprimento de parámetros de depuración, de xeito que a obra ten que estar rematada antes do final de 2022.

A Xunta foi tamén dando novos prazos conforme recibiu a presión de institucións, partidos e asociacións, datas que seguiu incumprindo. En setembro do 2019 comprometeu ante a veciñanza o remate das obras en 2021. A pouco máis de mes e medio de que comece o exercicio, inicíanse as actuacións.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here